Lei 17/1977

Lei 17/1977 de 4 de xaneiro que modifica o artigo 54 da Lei regulamentaria do rexistro civil (B.O.E. de 8 de xaneiro, nº7)

O artigo 54 da Lei do Rexistro Civil estableceu a necesidade de que os nomes propios dos españois se consignasen en castelán. Esta regra pugna co fondo sentir dos naturais das distintas rexións españolas que se ven privadas da posibilidade de que os nomes propios na súa lingua vernácula sirvan, dentro e fóra da familia, como signo oficial de identificación da persoa.

A presente Lei ten a finalidade de corrixir esta situación, atendendo, dunha banda ao feito certo de que a liberdade na imposición de nomes non debe ter, en principio, outros límites que os esixidos polo respecto á dignidade da propia persoa e procurando, doutra banda amparar e fomentar o uso das diversas linguas españolas, xa que todas elas forman parte do fondo autóctono popular da nosa nación.

Na súa virtude e de conformidade coa Lei aprobada polas Cortes Españolas sanciono:

  Artigo 1º

O parágrafo 1º do artigo 54 da vixente Lei do Rexistro Civil, de 8 de xuño de 1957, quedará redactado do seguinte xeito:

“Na inscrición expresarase o nome que se lle dea ao nacido. Tratándose de españois, os nomes deberanse consignar nalgunha das linguas españolas”.

Artigo 2 º

A pedimento do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio, imposto con anterioridade á vixencia da presente Lei, polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas. As substitución será gratuíta para os interesados.

 Lei 40/1999

Lei 40/1999, de 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes. (BOE 266, de 6-11-1999).

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A regulación existente no Código civil e mais na Lei do Rexistro Civil en materia de orde de inscrición de apelidos veu establecer ata o momento presente a regra xeral de que, determinando a filiación dos apelidos, a orde destes será a paterna e materna; recoñécese tamén a posibilidade de o fillo modificar esta situación unha vez que alcance a maioría de idade.

Esta situación, que xa intentou ser cambiada con ocasión da modificación do Código civil operada pola Lei 11/1981, de 13 de maio, é a que se pretende modificar á luz do principio de igualdade recoñecido na nosa Constitución e en atención a distintas decisións de ámbito internacional adoptadas sobre esta materia. Abonde recordar, neste punto, que o artigo 16 da Convención de Nacións Unidas de 18 de decembro de 1979 prevé que os Estados signatarios tomen as medidas necesarias para facer desaparecer toda disposición sexista no dereito do nome; que o Comité de Ministros do Consello de Europa, desde 1978, establece na Resolución 78/37 a recomendación aos Estados membros de que fixesen desaparecer toda discriminación entre o home e a muller no réxime xurídico do nome e que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sancionou, na sentenza de 22 de febreiro de 1994 no caso Burghartz C. Suisse, as discriminacións sexistas na elección dos apelidos.

É, por tanto, máis xusto e menos discriminatorio para a muller permitir que xa inicialmente poidan os pais de común acordo decidiren a orde dos apelidos dos seus fillos, no ben entendido de que a súa decisión para o primeiro fillo terá de valer tamén para os fillos futuros de igual vínculo, o cal non impide que, ante o non-exercicio da opción posible, debe rexer o disposto na lei.

Por outra parte, transcorridos máis de vinte anos desde a aprobación da Lei 17/1977, de 4 de xaneiro, sobre a reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, que establecía a posibilidade de substituír o nome propio polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas do Estado español, atopámonos con que calquera cidadán que acade a maioría de idade teña inscrito o seu nome en lingua castelá no Rexistro Civil, vese privado da posibilidade de que o seu nome propio sexa traducido a outra lingua española oficial.

Por todo isto, a lei que se aproba facilita o uso normal das diferentes linguas do Estado español e a obtención dun estatuto xurídico que respecte a súa riqueza idiomática.

Así mesmo, e polas mesmas razóns, a lei permite regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente.

Polo demais, esta lei complétase cunha disposición transitoria que prevé o suposto de existencia de fillos menores de idade no momento da entrada en vigor daquela. A alteración da orde dos seus apelidos subordínase á necesaria audiencia, se tiveren suficiente xuízo.

  Artigo 1º

O artigo 109 do Código Civil queda redactado nos seguintes termos:

“A filiación determina os apelidos conforme o disposto na lei. Se a filiación esta determinada por ambas liñas, o pai e mais a nai de común acordo poderán decidir a orde de transmisión do seu respectivo primeiro apelido, antes da inscrición rexistral. Se non se exercita esta opción, rexerá o disposto na lei.

A orde dos apelidos inscrita para o maior dos fillos rexerá nas inscricións de nacemento posteriores dos seus irmáns do mesmo vínculo.

O fillo, ao alcanzar a maioría de idade, poderá solicitar que se altere a orde dos apelidos”.

Artigo 2º

O artigo 54 da Lei de 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:

“Na inscrición expresarase o nome que se lle dá ao nacido, se ben non poderá consignarse máis dun nome composto, nin máis de dous simples. Quedan prohibidos os nomes que obxectivamente prexudiquen á persoa, así como os diminutivos ou variantes familiares e coloquiais que non alcanzasen substantividade, os que fagan confusa a identificación e os que induzan no seu conxunto a erro en canto ao sexo.

Non se lle pode impor ao nacido nome que teña un dos seus irmáns, a non ser que falecese, así como tampouco a súa tradución usual a outra lingua. Por petición do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio daquel polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas”.

  Artigo 3º

O artigo 55 da Lei de 8 de xuño de 1957, do Rexistro civil, queda redactado nos seguintes termos:

“A filiación determina os apelidos.

Nos supostos de nacemento cunha soa filiación recoñecida, esta determina os apelidos, podendo o proxenitor que recoñeza a súa condición de tal determinar, no momento da súa inscrición, a orde dos apelidos.

A orde dos apelidos establecida para a primeira inscrición de nacemento determina a orde para a inscrición dos posteriores nacementos con idéntica filiación.

Alcanzada a maioría de idade, poderase solicitar a alteración da orde dos apelidos.

O encargado do rexistro imporalle un nome e uns apelidos de uso corrente ao nacido a filiación do cal non os poida determinar.

 O encargado do Rexistro, por petición do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente”.

  Artigo 4º

Engádese unha disposición adicional segunda á Lei do rexistro Civil co seguinte texto:

“En todas as peticións e expedientes relativos á nacionalidade e ao nome e aos apelidos, as solicitudes dos interesados non poderán entenderse estimadas por silencio administrativo”.

Disposición transitoria única.

Se no momento de entrar en vigor esta lei os pais tivesen fillos menores de idade dun mesmo vínculo poderán, de común acordo, decidir a anteposición do apelido materno para todos os irmáns. Agora ben, se estes tivesen suficiente xuízo, a alteración da orde dos apelidos dos menores de idade requirirá aprobación en expediente rexistral, no que estes deberán ser oídos conforme o artigo 9 da Lei orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o artigo segundo da Lei 17/1977, de 4 de xaneiro, sobre a reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil. Así mesmo quedan derrogadas cantas disposicións xerais se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira única.

A presente lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no “Boletín Oficial del Estado”. Dentro do prazo indicado, o Goberno procederá a modificar o Regulamento do Rexistro Civil no que resulte necesario para adecualo ao previsto na presente lei.

Voltar á páxina anterior