Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.
1. A lingua constitúe unha das bases esenciais da identidade do pobo e o máis forte vencello de unión entre as súas xentes. A lingua propia, de Galiza é o galego (Art. 5 do Estatuto de autonomía). Como un eido privilexiado da aprendizaxe da lingua é o ensino, cómpre arbitrar mandatos que garantan esa aprendizaxe e axuden a unha implantación de hábitos lingüísticos a prol do idioma galego, idioma que, co castelán é oficial na Comunidade Autónoma, de acordo co estatuto (Art. 3 da Constitución).
2. O Parlamento de Galiza, con data do 15 de xuño de 1983, aprobou a Lei 3/1983, de normalización lingüística. A devandita norma revela o afán de xeneralizar no seo da Comunidade galega o uso do galego como idioma propio de Galiza, cooficial co castelán.
O artigo 1 da lei citada estabelece o dereito dos galegos a coñeceren e usaren a súa propia lingua. O artigo 2 declara a cooficialidade, para a Comunidade Autónoma, do galego e do castelán. O título III estabelece os principios xerais do ensino en lingua galega e determina (artigo 12) que o galego é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis e que a Xunta de Galiza regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino. Así mesmo o artigo 13 asegura o dereito de todos os nenos e nenas a recibiren o primeiro ensino na súa lingua materna.
3. Os decretos 426/1991, do 12 de decembro , 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro, e 275/1994, do 29 de xullo, polos que se establecen os currículos da educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galiza, determinan como unha das finalidades de cada nivel educativo a utilización, de xeito apropiado, das linguas oficiais no ensino.
É necesario adoptar a normativa da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao novo marco de aplicación da Lei 1/1900, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e seguir contribuíndo a que sexan realidade os obxectivos fixados na citada Lei de normalización lingüística, salientando o que dispón o artigo 14.3º: as autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos comezan este, nos seus niveis oral he escrito, en igualdade co castelán.
Por todo o anterior, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do dicíame do Consello Escolar de Galiza e de deliberación do Consello da xunta de Galiza na súa sesión do catorce de setembro de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
CAPITULO I
O GALEGO LINGUA OFICIAL DA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA EN GALIZA
Artigo 1º
1.- A Administración educativa de Galicia e os centros de ensino dela utilizarán a lingua galega e fomentarán o seu uso tanto nas suas relacións mutuas e internas como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galiza
2.- Os documentos administrativos da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións e dos centros de ensino dependentes dela faranse en galego en galego, e neles constará o nome dos centro e o topónimo do municipio ou entidade de poboación na súa forma oficial.
3.- As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, tales como actas, comunicados e anuncios, redactaranse en galego. Tamén se redactarán en galego as actuacións administrativas que se realicen a solicitude de persoa interesada, agás nos casos en que esta pida que se fagan en castelán.
4.- A documentación que teña que surtir efecto fóra da Comunidade Autónoma traducirase ao castelán, segundo se establece no artigo 36 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 2º
1.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, é o departamento administrativo competente para organizar, coa colaboración –se é o caso- doutras institucións, especialmente da Escola Galega de Administración Pública, cursos de galego tanto para o persoal docente como non docente da Administración Pública, cursos de galego tanto para o persoal docente como non docente da Administración educativa, co fin de que acaden un grao de dominio da lingua galega que facilite o exercicio do dereito a usa-la, así como para facer un uso correcto dela dentro do ámbito académico e ademais para lles garantir satisfactoriamente ese dereito ás persoas que teñen relación coa Administración educativa.
CAPITULO II
AS LÍNGUAS OFICIAIS EN GALIZA CON MATÉRIA DE ENSINO E O ENSINO EN LÍNGUA
GALEGA
Artigo 3º
1º- Nas ensinanzas de réxime xeral e de educación das persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá.
2.- Nas clases de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura, usarase respectivamente o galego e o castelán tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.
Artigo 4º
1.- Na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.
2.- Atenderase de xeito individualizado a aqueles alumnos e alumnas do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominase, segundo se sinala no punto anterior.
3.- No segundo e no terceiro ciclos de educación primaria impartiranse en galego dúas áreas de coñecemento, cando menos, sendo unha delas a área de coñecemento do medio natural, social e cultural.
Artigo 5º
1.- Na educación secundaria obrigatoria impártase en galego a área de ciencias sociais (xeografía e historia) e a área de ciencias da natureza.
2.- Das materias optativas impartiranse en galego as de ciencias medio ambientais e da saúde e, se é o caso, a optativa ofertada polo centro.
Artigo 6º
1.- No primeiro curso de bacharelato impartirase en lingua galega como materia común a filosofía e como materias específicas de modalidade as seguintes: tecnoloxía industrial I (bacharelato de tecnoloxía); bioloxía e xeoloxía (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); historia do mundo contemporáneo (bacharelato de humanidades e ciencias sociais); debuxo técnico (bacharelato de artes).
2.- No segundo curso de bacharelato o alumno recibirá o ensino en galego de historia; como materia común, e como materias específicas de modalidade: debuxo técnico, tecnoloxía industrial (bacharelato de tecnoloxía); ciencias da terra e medio ambientais, debuxo técnico (bacharelato de ciencias da natureza e da saúde); xeografía, historia da arte, historia da filosofía (bacharelato de humanidades e ciencias sociais); historia da arte (bacharelato de artes).
3.- Así mesmo serán impartidas en galego as seguintes materias optativas: ética e filosofía do dereito, introdución ás ciencias políticas e socioloxía e historia e xeografía de Galiza.
4.- Na formación profesional específica de grao medio e superior o alumado recibirá ensino en galego nas áreas do coñecemento teórico - práctico que faciliten a súa integración socio - laboral.
Artigo 7º
Segundo o disposto no artigo 13.3º da Lei de normalización lingüísticas, os alumnos e as alumnas non poderán ser separados en centros nin aulas diferentes por razón da lingua.
Artigo 8º
1.- Nas áreas ou materias impartidas en lingua galega debese procurar que alumnos e as alumnas a utilicen nas manifestacións oral e escrita.
2.- Os materiais que se empreguen nas áreas ou materias ás que se refire o parágrafo anterior estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galiza. Con este fin a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.
Artigo 9º
Nas áreas ou materias –distintas ás sinaladas nos artigos 4º.3, 5º e 6º- empregarase a lingua que se teña estabelecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar. En todo caso, no proxecto educativo do centro coidarase e respectarase o equilibrio entre as dúas lingua oficiais e nel constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acadar o obxectivo xeral estabelecido na Lei de normalización lingüística (Art. 14.3º).
Artigo 10º
En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, os profesores e profesoras adoptarán as medidas oportunas co fin de que os alumnos e alumnas que non teñan o suficiente dominio da lingua galega poidan seguir con proveito as ensinanzas que nesta lingua lles impartirán.
Terase en conta o estabelecido no Decreto 253/1990, do 18 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio, así como a orde que o desenvolve.
Artigo 11º
A inspección educativa velará polo cumprimento do estabelecido no presente decreto. Con tal fin os centros docentes públicos e privados que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarios remitirán á inspección educativa os horarios, áreas e materias impartidas en lingua galega, así como a relación dos materiais curriculares empregados nestas materias.
DISPOSICIÓNS
TRANSITORIAS
Primeira.- En canto non se extingan as ensinanzas de 7º e 8º de educación xeral básica, bacharelato unificado e polivalente, curso de orientación universitaria e formación profesional de primeiro e segundo grao, impartiranse en galego as áreas ou materias que se establecen no Decreto 135/1983, do 8 de setembro, polo que se desenvolve para o ensino, a Lei 3/1983 do 15 de xuño, de normalización lingüística.
Segunda.- Cando por razóns de organización do persoal docente dos centros existan dificultades xustificadas no curso académico 1995-1996, para a aplicación inmediata do estabelecido nos artigos 4º.3, 5º e 6º do presente decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder o prazo de ata un ano para facer efectivo o disposto nos citados artigos.
DISPOSICIÓN
DERROGATÓRIA
Única.- Queda derrogado o Decreto 135/1983, do 8 de setembro, sobre aplicación da Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística; a Orde do 1 de marzo de 1988, pola que se desenvolve o Decreto 135/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, sen prexuízo do estabelecido na disposición transitoria deste mesmo decreto.
DISPOSICIÓNS
DERRADÉIRAS
Primeira.- Facultase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do estabelecido neste decreto.
Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.